venres, 2 de xuño de 2017

Préstamo dos nenos e nenas de 6º de Infantil

Os nenos e nenas de 5 anos, no mes de marzo, comezaron a facer o préstamo de libros da biblioteca.
Un día a semana acuden coa súa titora á biblioteca e escollen un libro que lles guste para levar durante toda a semana a súa casa e compartir coa súa familia.
Como vedes, tómanse o seu tempo para elixilo e gozar ao máximo da experiencia. 




Ao longo da semana convírtense en auténticos “ críticos literarios”, xa que lle presentan o libro aos compañeiros na clase, contándolles de que trata e a súa opinión sobre o mesmo.
Está semana será a última que leven libros para a súa casa, xa que a partir do 5 de xuño non se realizarán máis préstamos na biblioteca. 


Para eles foi unha experiencia moi enriquecedora, xa que coñeceron e deleitáronse dun montón de libros novos. Está actividade de fomento a lectura de seguro que lles axuda de cara ao curso que ven a ser uns grandes lectores e lectoras! Pois en nada estes peques xa se nos van a Primaria!

xoves, 1 de xuño de 2017

O máis lido de maio

O máis lido do mes de maio, é un libro de Infantil, "Eu non fun!" da editorial Kalandraka. Este libro conta as aventuras duns personaxes nunha casa. Unha historia moi divertida, escrita e ilustrada por Christiàn Voltz

Imaxe de Kalandraka

Este é o último libro máis lido do mes deste curso. A vindeira semana veremos cales foron os libros máis prestados do trimestre e do curso. Este venres xa damos por rematado o préstamo para que os lectores poidan ir devolvendo os exemplares e podamos facer inventario de cara o próximo curso.

venres, 19 de maio de 2017

Mochilas viaxeiras en Educación Infantil

Un ano máis, e continuando coa tradición, iniciamos en Educación Infantil o uso das mochilas viaxeiras. Con elas, queremos achegar libros de diversa temática a pequenos e maiores. Aos máis pequenos do colexio, encántalles cando por fin chega a súa quenda e poden levar a casa a bolsiña. O máis importante é que unha vez na casa, compartindo a súa ilusión, pasemos un intre agradable de lectura, xa que, como xa sabedes... se ti les, eles len.


Cando as mochilas volven ao colexio, chegan cheas de experiencias, aprendizaxes, diversión... e ata algunha que outra manualidade ou mesmo un pastel baseado nas receitas dalgún dos libros. A experiencia está a ser moi boa, así que seguiremos traballando nesta liña de animación á lectura, para iniciar os bos hábitos dende ben pequenos. Grazas pola vosa colaboración familias!


luns, 15 de maio de 2017

Día do Libro


Para celebrar o día do libro este ano fixemos unha actividade que nos resultou moi motivadora e interesante, os PADRIÑOS LECTORES.
A actividade consistía en que os nenos e nenas dende Segundo ata Sexto de Primaria lles lesen aos de Primeiro de Primaria e Infantil.





Cada un dos nenos máis pequenos do colexio tiña un padriño ou madriña lector/a, algúns deles trouxeron libros das súas casas para compartilos cos máis pequenos do cole e incluso lles fixeron algún agasallo.





Tódolos lectores o fixeron xenial, esforzándose para que os pequenos entenderán o conto e gozasen del, e estes estiveron moi atentos ao que lles contaban os seus padriños e madriñas.
Ademais por sorte o tempo acompañou o que nos permitiu levar a cabo a actividade no patio do cole, dividindo os cursos por zonas.



De seguro volveremos a repetir esta experiencia!









martes, 9 de maio de 2017

Exposición de libros de Carlos Casares

Como xa falamos, este ano o Día das Letras Galegas está adicado a un autor moi coñecido na nosa biblioteca: Carlos Casares. Este autor ourensano deixou moitas obras adicadas aos lectores máis pequenos. Na biblioteca realizamos unha exposición dos libros que teñades máis doado levalos en préstamo cando queirades.

Se non sabedes cal levar, non vos preocupedes, realizamos unha breve selección segundo o tipo de lector que sexas.

Primerios Lectores: A colección de Toribio.


Toribio é un neno de oito anos que se adica a facer inventos que o meten nun montón de aventuras. Na biblioteca temos os seguintes títulos.

Lectores Autónomos: Lolo anda en bicicleta.


Lolo é un neno que quere unha bicicleta por Reis, pero é tan traste que os Reis Magos deciden deixarlle carbón en lugar da bicicleta que pediu. Lolo decide prácticar coa bicicleta do pai ás agachadas.

Lectores Avanzados: O galo de Antioquía.

Andrés Meixide ilustra este conto no que un ferreiro, un bo día, pon un ovo. A partires dese intre comezará as aventuras e desventuras do ferreiro.

Esperamos que esta selección sexa do voso agrado e non dubidedes en collelos. Vémonos na biblioteca.

O máis lido de abril

Por fin! Xa rematou a febre do "Diario de Greg", como saberedes foi a colección máis prestada ao longo do curso, pero xa temos un novo título máis prestado: Amora, de Anxos Garabana e Óscar Villán. Non e que teñamos nada en contra de Greg, pero xa tiñamos ganas de que houbera outros títulos no máis lido do mes.

Se aínda non lestes este conto sefardí, dunha amora no seu moral, xa sabedes onde atopalo, na vosa biblioteca escolar preferida

Fonte: Kalandraka
.

venres, 5 de maio de 2017

Anxo Moure visita aos máis pequenos

O pasado mes de abril, os nenos e nenas de Educación Infantil tiveron a sorte de gozar dunha sesión de contacontos con Anxo Moure. Veu contarlles "O carballo con botas" un conto que el mesmo escribiu. Disfrazado de árbore, introduciu aos nenos nunha historia sobre a natureza, sobre o coidado dos bosques e dos animais e plantas que nel viven. Animounos a loitar contra os incendios e a deixar sempre os prados e as leiras tal e como as atopamos.

Na sesión, guiada por uns pequenos bonequiños tecidos a man, os nenos escoitaron e aprenderon moitos nomes de diferentes tipos de árbores presentes na contorna galega. E ata escoitaron como Anxo tocaba un peitoque, instrumento tradicional feito de teixo. Sobre todo, fomos testemuñas de como este homiño - árbore se meteu aos nenos no peto dende o minuto un. Moitas grazas Anxo, volve pronto a facernos rir e a concienciar aos máis pequenos da Laracha.



venres, 31 de marzo de 2017

O máis lido do mes de marzo

O libro máis lido segue sendo "Un pringado total" de Jeff Kinney, o número un da colección do "Diario de Greg" o máis lido do mes, xa o foi no mes anterior. Tamén está en cabeza dos dez libros máis lidos no segundo trimestre. Esperemos que cando chegue Nikki, a cousa cambie e teñamos outros títulos máis lidos, que isto xa empeza a ser monótono.


luns, 27 de marzo de 2017

O máis lido no segundo trimestre

O inverno invita a estar na casa, fora fai frío, chove ou vai vento. Nada como un libro para facer que o tempo pase máis axiña e ver como chega a primavera. Os lectores da biblioteca sábeno moi ben, e estes foron os máis lidos no segundo trimestre.



Segue nos primeiros postos a obra de Jeff Kinney, "O Diario de Greg". Xa sabedes que o máis lido no mes de febreiro foi "Un pringado total", o número unda colección. Aínda que é un éxito, xa empezamos a ver outros títulos como "La Dama y el Vagabundo", "La Bella y la Bestia, una Navidad encantada" e "El pirata Dientedeoro".

Recordade que temos unha chea de novidades. Tamén estade preparados para o mes de abril que virá cargado de novas actividades.

mércores, 8 de marzo de 2017

O máis lido de febreiro

O libro máis lido o longo do mes de febreiro foi "Un pringado total" de Jeff Kinney. O número un da colección do "Diario de Greg". Greg segue sendo o máis éxitoso da biblioteca. Pero quédalle pouco porque dentro de nada teremos a unha amiga súa... Tamén nas peticións o número 11 desta serie é o máis demandado. Xa temos o exemplar na biblioteca, estamos no proceso de catalogar e forrar. Sede pacientes.

Xa pasou un pouco a novidade da serie "Diario de Greg"e temos máis novidades. Así que vinde a biblioteca no recreo.


xoves, 23 de febreiro de 2017

Lecturas Día da Paz

Xa está o vídeo das Lecturas do Día da Paz. A novidade desta sesión foi que despois do 30 de xaneiro, organizamos unhas sesións de lectura para os nenos e nenas de Educación Infantil. As lecturas foron organizadas por niveis e se desenvolveron o longo das sesións de lectura. Foi unha experiencia moi divertida e motivadora. Esperamos que os máis pequenos e pequenas gozasen tanto como os maiores desta experiencia.

Agora a desfrutar do vídeo que é un resumo do que realizamos dende a Biblioteca no Día da Paz.







luns, 20 de febreiro de 2017

Novidades na Biblioteca


Xa tedes na biblioteca as novidades deste mes. Dentro dos títulos que podedes atopar están:

Contos para Contar:


- "Carabuñas" de Margarita del Mazo e Charlotter Pardi.
- "No hace falta la voz" de Armando Quintero e Marco Somá.

Primeiros Lectores:


- "Ícaro" de Federico Delicado.
- "Kodor" de Mychèle Baar, Mahmoud Ahmet Koloné e Mandana Sadat.
- "Papel en blanco" de Josu Díaz e Bárbara Perdiguera.

Lectores Autónomos:


- "Veintisiete abuelos son demasiados" de Raquel López e Agustín Comotto.
- "O tempo do revés" de María Solar e Xosé Tomás.
- "Nunca juegues con una bruja y otros cuentos de terror" de Manuel L. Alonso.
- "Unha casiña branca" de Marcos Calveiro e Marcos Viso.

Lectores Expertos:


- "No hay escapatoria y otros cuentos maravillosos" de Tim Bowley e Óscar Villán.
- "Fábulas" de Esopo.
- "Cantar de Mio Cid".
- "Aventuras de Huckleberry Finn" de Mark Twain.
- "El hijo del buzo" de Fernando Lalana e Jose Videgain.

mércores, 25 de xaneiro de 2017

Carlos Casares no Día das Letras Galegas


O 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas, este ano está adicado a Carlos Casares. Escritor de obras para que abranguen a todas as idades. Desde os máis pequenos, coa "Galiña Azul", primeiros lectores con libros coma "Lolo vai en bicicleta", ata os lectores máis maiores con "Vento ferido". Tamén é un autor que escribiu obras de teatro para os máis pequenos coma "As laranxas mais laranxas de todas as laranxas", unha obra moi divertida.

O longo deste curso imos adicarlle unha serie de artigos á figura de este autor, centrándonos na súa obra adicada aos lectores máis xóvenes e pequenos. Carlos Casares supuxo un grande impulso para a Narrativa Galega, con contos, obras de teatro, novelas e ensaios. Tamén foi xornalista, escribiu artigos e columnas como "Á marxe". Foi mestre, diputado e director da editorial Galaxia. Como vedes unha vida polifácetica que xira en torno ás Letras Galegas.

luns, 23 de xaneiro de 2017

O máis lido no primeiro trimestre

O longo do primeiro trimestre tivemos unha media de 18 prestamos por recreo. É un bo dato, tendo en conta que non realizamos prestamos para Infantil pola recatalogación de fondos. Agora estamos a prestar libros de narrativa para Primaria, quedando os de divulgación, banda deseñada, teatro e poesía a espera de revisión, unha vez que rematemos cos de Infantil. O proceso vai a bo ritmo e en breve imos comezar o préstamo para Infantil.

Dentro dos libros máis prestados, Greg é sen dúbida a novidade máis prestada. As aventuras e travesuras, escritas en forma de diario deste neno son todo un éxito. A ver se a novidade dura, aínda estades a tempo de coñecer máis aventuras escritas por Jeff Kinney.



venres, 20 de xaneiro de 2017

O libro máis lido do mes de decembro

O libro máis lido o longo do mes de decembro foi "La ley de Rodrick" de Jeff Kinney. O número dous da colección do "Diario de Greg". As experiencias de Greg son o máis demandado dende a reapertura da biblioteca. Aínda que contamos con dous exemplares de cada número a balda da colección soe estar baleira.

Se non sabes quen é Greg, xa sabes... Ven a biblioteca no recreo e colle o seu primeiro libro, "Un pringado total".

venres, 13 de xaneiro de 2017

A nosa selección de lecturas da Paz

Dende a bibiloteca realizamos unha selección de libros coa temática do Nadal. Se queredes desfrutar de contos e historias que acontecen nesta época do ano, podedes achegarvos a biblioteca durante o recreo. A selección abrangue dende libros para os máis pequenos e pequenas de Infantil, para os lectores de Primaria e algún libro que pode ser de interese para o profesorado.

Ao longo do mes, realizaremos un pequeno repaso no blog, polos distintos libros que foron escollidos coa temática da Paz. Se queredes máis información non dubidedes en preguntar ao responsable da biblioteca que se atope no recreo.

martes, 10 de xaneiro de 2017

Lecturas do Nadal

Comezamos o ano coa sesión que realizamos o pasado 16 de decembro. Bonecos de neve, Reis Magos e unha escolla de poemas do Nadal, foron os protagonistas das lecturas.

A actividade celebrouse no recreo e asistiron moitos nenos e nenas a escoitar. Ao final, foron moitos  que se apuntaron a participar nas vindeiras lecturas. Se por algunha razón non puidestes asistir, non vos preocupedes, temos un fantástico vídeo que fai un resumo do que foi a actividade.

Moitas grazas por participar e asistir a estas sesións de lectura. A próxima será sobre o Día da  Paz, a finais de xaneiro, xa vos informaremos.