luns, 7 de maio de 2018

17 de maio, Día das Letras Galegas




Por que se celebra o Día das Letras Galegas?


A celebración do Día das Letras Galegas, cada 17 de Maio, foi instituída no ano 1963 pola Real Academia Galega para conmemorar a publicación do libro de Rosalía de Castro "Cantares Gallegos", o 17 de Maio de 1863, e homenaxear a algún escritor ou escritora en lingua galega.


"Cantares Gallegos", está considerada como a obra literaria que inicia o "Rexurdimento" da literatura e da cultura galega moderna.

A proposta de celebrar ese Día foi formulada por tres membros da Real Academia Galega, Manuel Gómez, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego.

A primeira escritora homenaxeada, no ano 1963, foi a mesma Rosalía de Castro seguíndolle en anos posteriores: Alfonso Castelao, Eduardo Pondal, Francisco Añón, Curros Enríquez, López Cuevillas...

A Real Academia Galega celebrou o pasado 2006 os seus cen primeiros anos de historia. Creouse como un organismo que loitase pola lingua e a cultura galegas. O seu primeiro presidente foi Manuel Murguía, marido de Rosalía de Castro. 


MARÍA VICTORIA MORENO MÁRQUEZ





Este ano, como xa todos sabedes, a escritora homenaxeada é María Victoria Moreno Márquez. Naceu en 1939 na vila cacereña de Valencia de Alcántara. Ao chegar a Galicia, como profesora de instituto, converteuse nunha firme defensora do noso idioma. Escribiu unha chea de libros de literatura infantil e xuvenil en galego e chegou a dirixir a Colección Árbore da Editorial Galaxia. Este ano 2018 a Real Academia Galega adícalle o Día das Letras polo seu compromiso coa defensa da nosa lingua e da nosa literatura. María Victoria Moreno é a cuarta muller que se homenaxea nesta celebración dende a súa creación pola Real Academia no ano 1963.





Xa podedes atopar na biblioteca a exposición de libros desta autora, os cales podedes levar en préstamo. 





Ademais hai unha colección dos Bolechas "As miñas primeiras Letras Galegas" pensada para que os máis pequenos coñezan algúns dos autores aos que se lle adicou este día. Animádevos e vide a buscar o voso.

Resultado de imagen de colección bolechas letras galegas

Ningún comentario:

Publicar un comentario