venres, 19 de maio de 2017

Mochilas viaxeiras en Educación Infantil

Un ano máis, e continuando coa tradición, iniciamos en Educación Infantil o uso das mochilas viaxeiras. Con elas, queremos achegar libros de diversa temática a pequenos e maiores. Aos máis pequenos do colexio, encántalles cando por fin chega a súa quenda e poden levar a casa a bolsiña. O máis importante é que unha vez na casa, compartindo a súa ilusión, pasemos un intre agradable de lectura, xa que, como xa sabedes... se ti les, eles len.


Cando as mochilas volven ao colexio, chegan cheas de experiencias, aprendizaxes, diversión... e ata algunha que outra manualidade ou mesmo un pastel baseado nas receitas dalgún dos libros. A experiencia está a ser moi boa, así que seguiremos traballando nesta liña de animación á lectura, para iniciar os bos hábitos dende ben pequenos. Grazas pola vosa colaboración familias!


luns, 15 de maio de 2017

Día do Libro


Para celebrar o día do libro este ano fixemos unha actividade que nos resultou moi motivadora e interesante, os PADRIÑOS LECTORES.
A actividade consistía en que os nenos e nenas dende Segundo ata Sexto de Primaria lles lesen aos de Primeiro de Primaria e Infantil.





Cada un dos nenos máis pequenos do colexio tiña un padriño ou madriña lector/a, algúns deles trouxeron libros das súas casas para compartilos cos máis pequenos do cole e incluso lles fixeron algún agasallo.





Tódolos lectores o fixeron xenial, esforzándose para que os pequenos entenderán o conto e gozasen del, e estes estiveron moi atentos ao que lles contaban os seus padriños e madriñas.
Ademais por sorte o tempo acompañou o que nos permitiu levar a cabo a actividade no patio do cole, dividindo os cursos por zonas.



De seguro volveremos a repetir esta experiencia!









martes, 9 de maio de 2017

Exposición de libros de Carlos Casares

Como xa falamos, este ano o Día das Letras Galegas está adicado a un autor moi coñecido na nosa biblioteca: Carlos Casares. Este autor ourensano deixou moitas obras adicadas aos lectores máis pequenos. Na biblioteca realizamos unha exposición dos libros que teñades máis doado levalos en préstamo cando queirades.

Se non sabedes cal levar, non vos preocupedes, realizamos unha breve selección segundo o tipo de lector que sexas.

Primerios Lectores: A colección de Toribio.


Toribio é un neno de oito anos que se adica a facer inventos que o meten nun montón de aventuras. Na biblioteca temos os seguintes títulos.

Lectores Autónomos: Lolo anda en bicicleta.


Lolo é un neno que quere unha bicicleta por Reis, pero é tan traste que os Reis Magos deciden deixarlle carbón en lugar da bicicleta que pediu. Lolo decide prácticar coa bicicleta do pai ás agachadas.

Lectores Avanzados: O galo de Antioquía.

Andrés Meixide ilustra este conto no que un ferreiro, un bo día, pon un ovo. A partires dese intre comezará as aventuras e desventuras do ferreiro.

Esperamos que esta selección sexa do voso agrado e non dubidedes en collelos. Vémonos na biblioteca.

O máis lido de abril

Por fin! Xa rematou a febre do "Diario de Greg", como saberedes foi a colección máis prestada ao longo do curso, pero xa temos un novo título máis prestado: Amora, de Anxos Garabana e Óscar Villán. Non e que teñamos nada en contra de Greg, pero xa tiñamos ganas de que houbera outros títulos no máis lido do mes.

Se aínda non lestes este conto sefardí, dunha amora no seu moral, xa sabedes onde atopalo, na vosa biblioteca escolar preferida

Fonte: Kalandraka
.

venres, 5 de maio de 2017

Anxo Moure visita aos máis pequenos

O pasado mes de abril, os nenos e nenas de Educación Infantil tiveron a sorte de gozar dunha sesión de contacontos con Anxo Moure. Veu contarlles "O carballo con botas" un conto que el mesmo escribiu. Disfrazado de árbore, introduciu aos nenos nunha historia sobre a natureza, sobre o coidado dos bosques e dos animais e plantas que nel viven. Animounos a loitar contra os incendios e a deixar sempre os prados e as leiras tal e como as atopamos.

Na sesión, guiada por uns pequenos bonequiños tecidos a man, os nenos escoitaron e aprenderon moitos nomes de diferentes tipos de árbores presentes na contorna galega. E ata escoitaron como Anxo tocaba un peitoque, instrumento tradicional feito de teixo. Sobre todo, fomos testemuñas de como este homiño - árbore se meteu aos nenos no peto dende o minuto un. Moitas grazas Anxo, volve pronto a facernos rir e a concienciar aos máis pequenos da Laracha.